RIBADUMIA> A expedición partirá ás dez e media da mañá da Oficina de Turismo. Os organizadores calculan que participarán preto de cento cincuenta persoas.
{flowplayer}images/salnes/FACEQUEDADA_RUTA_AUGA.flv{/flowplayer}
Turismo Rías Baixas quere aproveitar ó máximo o poder de convocatoria de redes sociais como Facebook para atraer visitantes ós distintos concellos da provincia de Pontevedra. E non só turistas de fóra, senón tamén chamar a atención ós propios pontevedreses sobre os atractivos do seu entorno. Niso consisten as ‘FACE-KeDaDas’ que se inauguran mañá. O primeiro destino: a Ruta da Pedra e da Auga, que une os concellos de Ribadumia e Meis.
O sistema de promoción é sinxelo. Turismo Rías Baixas encárgase de publicitar a excursión mediante o seu espazo en Facebook, e tamén a través da rede, os interesados en participar poden inscribirse. Aínda que tamén se poden anotar persoalmente nas oficinas dos concellos colaboradores: Meis, Meaño e Ribadumia. Polo de agora cóntanse xa uns 150 participantes.
A ruta partirá ás dez e media da mañá da Oficina de Turismo de Ribadumia. Percorreranse sete quilómetros, acompañados por un guía, e inclúense visitas ós muíños, unha demostración de moenda, e avituallamento na praza do Mosteiro de Armenteira. De facer mal tempo, aprazaríase ó domingo 24 de xuño.
Redacción Salnés