BOIRO> A Asociación Boirense de Empresarios abrirá durante este mes de agosto unha ludoteca nos locais multiusos do Concello, a carón da praza de abastos. Con ela pretende facilitar as compras nos comercios adheridos á entidade.
Dous son os obxectivos principais que persegue a ABE coa apertura desta ludoteca. Por unha banda incentivar as compras nos locais asociados á entidade e por outra facilitarlles ós clientes con nenos o poder facelo. A ludoteca abrirá as súas portas, nos local multiusos existente a carón da praza de abastos durante todo este mes de agosto os xoves e venres de once da mañá a dúas da tarde. Para poder acceder a ela haberá que ter unha das entradas que serán repartidas entre os seus clientes polos establecementos participantes.
Dende o Concello, que colabora con esta iniciativa, destacaron a importancia da mesma, xa que contribúe a fomentar o comercio local.
O último día de funcionamento da ludoteca, o venres trinta de agosto, celebrarase tamén unha festa con xogos e inchables para os máis pequenos. Ese dia haberá tamén dous sorteos presenciais de 100 € cada un en vales de compra para poder canxear entre os comercios adheridos a esta campaña.
Comments are closed.