Deteñen ó autor do triple crime de Cabanelas por unha trifulca familiar

    DETENCIONBUEZAS.jpg CAMBADOS> Considérase o principal sospeitoso de prender lume a un Audi A3 que ardeu no entorno do porto de Tragove. O seu fillo sería o denunciante.

    Os feitos acontecían o sábado pola noite na estrada de Tragove, preto dun coñecido restaurante. En torno ás dez os servizos de emerxencias recibían a alerta dun vehículo ardendo na zona, mobilizándose Bombeiros, Garda Civil, Policía Local e Protección Civil de Cambados. A pesar da rápida intervención, o coche, un Audi A 3, quedou completamente calcinado. Pouco despois, un mozo de vinte anos persoábase nas dependencias da Garda Civil de Cambados para denunciar os feitos. Ó parecer, o rapaz apuntou como responsable do incendio ó seu pai, Francisco Javier Buezas, un veciño de Corvillón moi coñecido no lugar por ter sido condenado a cincuenta e un anos de cárcere como autor do triple crime de Cabanelas. Uns asasinatos que se produciron hai quince anos no polígono industrial de Ribadumia, presuntamente por un axuste de contas. Arestora atopábase libre grazas á concesión do terceiro grao.

    Segundo transcendeu, pai e fillo tiveron na tarde do sábado unha discusión. Ó parecer nese momento o coche atopábase gardado nun garaxe, polo que cando apareceu ardendo preto de Tragove, as primeiras sospeitas do mozo foron para o seu pai que lle tería prendido lume por unha lea familiar. Axentes da Garda Civil puxeron o caso en coñecemento do Xulgado de Instrución número tres de Cambados, responsable agora da investigación.

    Redacción Salnés