Arde un turismo que se incendiou mentres ía circulando

    incendiocoche32.jpg MEIS>  O conductor, único ocupante do coche, saíu ileso aínda que o interior do Mercedes quedou calcinado.

    En torno ás oito e media da mañá, un particular chamaba ó 112 alertando de que o seu turismo comezaba a arder. Atopábase na Vía Rápida do Salnés, á altura da saída de Meis. Ó parecer, o lume comezou no motor mentres o vehículo estaba en marcha, un Mercedes Clase C. O condutor e único ocupante non sufriu ningún tipo de dano persoal. Bombeiros de Ribadumia encargáronse de extinguir o lume, que acabou calcinando o interior do vehículo, motor e cadro de mandos.

    Unha horas antes, na rotonda de Godos, en Vilanova, un trailer envorcaba tras saír da glorieta con dirección a Pontevedra. Parece que o transportista perdeu o control do vehículo e acabou no carril contrario. Nin el nin a carga que transportaba, peixe conxelado, sufriron danos de consideración. A aparatosidade do sinistro obrigou a reconducir o tráfico habilitando un carril provisional mentres os servizos de Protección Civil limpaban o gasoil vertido polo vehículo e se procedía ó traslado do cargamento.

    Tamén de Vilanova é o mozo de 37 anos que vén de ser imputado por conducir a 216 quilómetros por hora na AP-9. Captouno un radar mobil da Garda Civil á altura da saída de Carracedo, en Caldas. O caso está en mans de Xulgado de Instrución de Cambados e este martes celebrarase o xuízo rápido.

    Redacción Salnés