Jesús Paz asume como retos acadar máis servizos, accesos e área loxística para o Porto de Vilagarcía

    Jesús Paz tomou xa posesión do seu cargo como presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. O acto celebrouse este sábado e estivo acompañado, entre outros, pola ministra Elena Espinosa e polas conselleiras María José Caride e Carmen Gallego.

    Máis servizos, accesos e área loxística, son os retos que asume Jesús Paz trala súa toma de posesión como presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. O acto celebrouse este sábado e Paz estivo acompañado pola ministra de Pesca, as conselleiras de Política Territorial e Pesca, e o presidente de Puertos del Estado, entre outras autoridades. Jesús Paz comprometeuse a traballar pola mellora das infraestructuras e servizos portuarios, pola dotación de accesos terrestres para unha mellor comunicación do porto, e polo fomento das áreas loxísticas vinculadas á actividade portuaria.

    A conselleira de Política Territorial comprometeu a participación do seu departamento a mellorar as comunicacións de Vilagarcía co resto de Galicia. Reiterou a vindeira execución da circunvalación norte, así como o proxecto da autovía con Pontevedra e as xestións para facer realidade o vial de acceso do Porto á AP-9. 

    Jesús Paz ten un profundo coñecemento da realidade do Porto de Vilagarcía, no que leva dezasete anos desempeñando a súa labor profesional en distintos cargos. Esta vinculación destácao como a persoa idónea para porse á fronte da Autoridade Portuaria, tal como destacaron a conselleira de Política Territorial, María José Caride, e o presidente de Puertos del Estado, Mariano Navas.  

     Na toma de posesión de Jesús Paz tamén estiveron os presidentes dos restantes portos galegos de interese xeral e o presidente de Portos de Galicia. Tamén asistiron membros do consello de administración do Porto, os ex-presidentes, José Luis Rivera Mallo e Benito González Aller, e representantes de sindicatos e de institucións económicas e sociais da comarca.

    Redacción Salnés