![]()
MEIS> A ‘Operación Corteza’ saldouse con catro detidos, o suposto responsable do laboratorio, a súa exmuller, de Cambados, e un matrimonio de San Sebastián.
Catro detidos, dous deles na comarca do Salnés, máis dun quilo de droga interceptado e outros instrumentos para o procesamento, embalaxe e pesado de estupefacientes así como unha pistola simulada e cartos en efectivo. É o balance da ‘Operación Corteza’, un dispositivo contra o narcotráfico desenvolvido pola Garda Civil de Pontevedra en colaboración coa de Guipúzcoa.
As pescudas comezaron o pasado mes de febreiro a raíz da documentación interceptada pola Garda Civil noutros dispositivos contra o tráfico de drogas. A través desta información deron con F.C.R., un home de 46 anos, veciño de Meis, en cuxa vivenda se localizou un laboratorio para a adulteracións e elaboración de distintas substancias estupefacientes. Material que el mesmo distribuía. De feito, o seguimento deste individuo permitiu ós axentes descubrir o enlace que tiña en Guipúzcoa. Foi nunha viaxe ó País Vasco na que a Garda Civil detivo ó coche do meisino e nunha inspección localizaron dous quilos de cocaína e outros dous de hachís.
Tirando do fío os investigadores chegaron ata outros dous individuos en San Sebastián de 46 anos, marido e muller, ós que ía dirixida esta droga. Eles encargaríanse de distribuíla polo País Vasco e o suroeste francés.
Froito da investigación tamén caeu a ex parella do veciño de Meis, unha muller de Cambados de 43 anos á que se considera presunta colaboradora súa.
A todos eles impútanselle delitos contra a saúde pública.
Redacción Salnés







