O GROVE> Pedro Sánchez arroupa a Festa do Marisco do Grove na súa xornada inaugural. Horas antes de participar no Foro da Toxa, o presidente do goberno visitou a carpa gastronómica no arranque desta 63 edición entre apupos e aplausos. Estivo acompañado de distintas autoridades, entre elas, o alcalde do Grove e outros rexedores da zona, así como o secretario xeral dos socialistas galegos. Calcúlase que unhas 100.000 persoas pasarán por este evento ata o vindeiro 12 de outubro.
Expectación máxima no Grove pola visita do presidente do goberno á Festa do Marisco.
Contra as dúas da tarde, Pedro Sánchez facía a súa chegada á carpa gastronómica situada no Corgo. Entre apupos e insultos por unha banda, e tamén moitos aplausos pola outra, Sánchez percorreu os distintos expositores que lle dan forma a esta cita.
No percorrido, estivo acompañado polo alcalde do Grove, que actuou como anfitrión da visita. Canda el, outros alcaldes da contorna, como a meisina Marta Giráldez ou o vigués Abel Caballero. Entre fortes medidas de seguridade, algún dos comensais que participaba na festa, tivo ocasión de saudalo e falar con el.
A visita rematou degustando algún dos produtos que se ofrecen na festa do Marisco. Un evento gastronómico que acada a súa 63 edición e que botaba a andar este mediodía. Horas antes da visita do presidente do goberno, tiña lugar a inauguración oficial.
Cacabelos poñía en valor o traballo que hai detrás dun evento como este.
Entre as novidades deste ano, a supresión da zona de cafetería, un espazo que -dixo o alcalde- daba moitos problemas. Sen ela, asegura, ábrese o resto da vila ao ocio e o tardeo. O resto dos ingredientes mantéñense nunha edición continuista, apunta o alcalde, na que as previsións de visitantes son boas, máis aínda cunha previsión meteorolóxica que anima a achegarse durante estes días ao municipio.











