Laureano Oubiña non terá que ingresar en prisión preventiva

    oubinaprisionpreventiva.jpg SALNÉS> A Audiencia Nacional considera que non hai risco de fuga, aínda que se lle retirou o pasaporte e terá que persoarse dúas veces por semana na comisaría de Policía.

    Laureano Oubiña non terá que ingresar en prisión preventiva. Así o decidiu a Sección Cuarta do Penal da Audiencia Nacional durante a vista celebrada a instancias da Fiscalía Antidroga. Tras coñecerse este martes que o Tribunal o condenaba a catro anos, sete meses e quince días de cadea a Oubiña por un delito de branqueo de capitais, o Ministerio Público decidiu solicitar o ingreso na cadea do narco ata que a sentencia sexa firme, por considerar que existía risco de fuga. Durante a celebración da vista, na que por certo se personou o condenado, o Fiscal solicitou tamén unha fianza de algo máis de cen mil euros como medida preventiva para evitar esa posible fuxida, petición que a Defensa de Oubiña cualificou de desmesurada.

    O condenado manifestou que en ningún momento se lle pasara pola cabeza abandonar o país e finalmente a Audiencia determinou que non hai risco de fuga, polo que non terá que ir á cadea nin abonar a fianza solicitada. Si se estipularon unha serie de medidas preventivas: a retirada do pasaporte, a prohibición de saír do país e a obriga de persoarse dúas veces por semana na comisaría máis próxima, é dicir, na de Vilagarcía. Engadir que a Defensa de Oubiña xa confirmou que presentaron recurso contra esta sentencia ante o Tribunal Supremo.

    Redacción Salnés