Saúl volve para axudar ó Vilalonga a asaltar San Lázaro

SALNÉS> Na Preferente, os equipos do Salnés tentarán darlle continuidade ó bo arranque ligueiro que están a protagonizar. Na Terceira o Céltiga recibe ó Somozas mentres que no Vilalonga, Saúl podería voltar á convocatoria seis meses despois para axudar ó equipo no complicado encontro ante o Compostela.

Saúl podería ser a gran novidade na convocatoria para o encontro deste domingo ante o Compostela. O capitán do Vilalonga xa está recuperado da lesión no tendón de Aquiles que lle mantivo fóra dos terreos de xogo durante case seis meses, e aínda que lle falta ritmo, Guillermo podería darlle algúns minutos en San lázaro. Os celestes tentarán dar a sorpresa ante o Compostela e reafirmarse como a gran revelación deste inicio de temporada. No cadro local, é baixa segura por sanción Tachi, que non poderá enfrontarse ós seus ex compañeiros. No Vilalonga volve Nando tras cumplir o seu encontro de castigo.

Mentres o Céltiga buscará o seu primeiro triunfo da temporada ante outro dos equipos que comezou con bo pé, o Somozas. Os de Manuel Núñez levan tres empates consecutivos e tentarán facer bo o factor campo para impoñerse ó cadro coruñés.

Na Preferente, o colíder, o Sanxenxo, afronta o seu primeiro gran reto da temporada. Visita a outro candidato ó ascenso e descendido dende a Terceira como o Cultural Areas. Os de Óscar García tentarán manter a portería a cero, como ata o de agora, ante un dos equipos con maior potencial ofensivo da categoría.

Agardando un picazo dos de cabeza atópase o Arosa que visita ó mondariz co obxectivo de seguir mellorando no seu xogo e sacar a primeira victoria fóra da casa. Igual que o Ribadumia, que visita ó Arenteiro. Os de Pablo Vázquez viron freado o seu arranque arrollador tras dous empates. Precisan os tres puntos para manterse cos da cabeza.

Mellores sensacións está a deixar o Portonovo nas últimas xornadas tras medirse precisamente a Arosa e Ribadumia. Os de Ricardo afronta un partido a priori propicio para sacar os tres puntos, ante o filial do Pontevedra.

Quen o ten máis complicado esta semana para puntuar é o Unión Grove que visita ó Barco. O conxunto ourensán está a arrollar neste primeiro treito de campionato. O cadro meco precisa aumentar a súa efectividade de cara o gol con respecto a encontros anteriores se é que quere traerse un bo resultado de Calabagueiros.

Redacción Salnés