Tres cruceiros fan escala en Vilagarcía esta semana

    cruceiro100.jpgVILAGARCÍA> O Porto de Vilagarcía recibirá esta semana a visita de tres cruceiros, consignados pola empresa Rubine e hijos.

    A primeira destas escalas tivo lugar esta mesma mañá no peirao de Comboa, onde atracou o Delphin. Chegou ás nove da mañá procedente de Lisboa e zarpou ás tres da tarde rumbo a St. Maló, con 415 pasaxeiros, na súa maioría de nacionalidade alemá.

    O xoves chegará o Spirit of Adventure, un buque de bandeira de Bahamas que fará escala en Vilagarcía no traxecto entre Oporto e Brest. Este cruceiro estará no porto arousán case todo o día. Xa o venres, arribará o Princess Daphne, un cruceiro de 162 metros de eslora e que pode acoller ata 570 pasaxeiros. O pasaxe procede de Lisboa e diríxese ó porto francés de St. Maló.

    Para facilitar o desprazamento entre o peirao e a cidade, o porto ten a disposición dos pasaxeiros un autocar e taxis a pé de peirao. Ademais ten previsto despedir os cruceiros coa actuación dun grupo de baile e música tradicional galega.

    Redacción Salnés