Malas expectativas na apertura do libre marisqueo en Arousa

    iniciolibremarisqueo100.jpg AROUSA> Mal arranque da campaña de libre marisqueo na Ría de Arousa. Á inexistencia de berberecho súmase a escaseza de ameixa babosa e xapónica.

    {flowplayer}barbanza/iniciolibremarisqueo.flv{/flowplayer}
     
    Máis dun millar de embarcacións iniciaban a campaña de libre marisqueo en Arousa. Os resultados nesta primeira xornada non son moi satisfactorios especialmente pola alta mortaldade de berberecho practicamente inexistente tanto nos Lombos do Ulla como en Cabío e no Bohído.
     
    Con respecto á ameixa, detectouse menor presenza de xapónica e babosa mentres que a fina abonda.
     
    Aínda así dende os pósitos insisten en que é cedo para facer unha análise de como se atopan os bancos e é preciso agardar alomenos unha semana para coñecer a existencia real dos recursos.
     
    División
     
    O inicio da campaña deste ano veu marcado ademais pola polémica en torno ós topes. As confrarías do sur: Cambados, A Illa, O Grove, Vilaxoán, Vilanova e tamén A Pobra propuxeron o incremento dos topes nun quilo por especie para compensar a ausencia de berberecho.
     
    Sen embargo, esta proposta atopouse coa oposición de Carril, Rianxo, Cabo de Cruz, Ribeira e Aguiño que apoiaron a proposta da Consellería do Mar que deixa os topes tal e como estaban: catro quilos de xapónica e dous tanto para a babosa como a fina.
     
    Prezos á baixa
     
    O certo é que coa apertura do libre marisqueo e o incremento do marisco nas lonxas, os prezos tenden á baixa. Por exemplo, nesta primeira xornada na rula rianxeira o quilo de babosa no acadou os catro euros mentres que a xapónica oscilou entre os 3’50 e os seis. O quilo de ameixa fina chegou ós vinte euros situándose o mínimo en 6’50.
     
    Redacción Barbanza