Dó en Meaño pola morte de Jorge Domínguez

    fotomeanocopia.jpgMEAÑO> Domínguez exerceu como alcalde durante os últimos 21 anos. Os veciños colapsaron a Casa Consistorial para darlle o último adeus.

    {flowplayer}images/salnes/FaleceAlcaldeMeano.flv{/flowplayer}

    O alcalde de Meaño faleceu esta mañá despois de máis de dous anos de loita contra o cancro. O que fora Presidente da Mancomunidade do Salnés tiña 53 anos de idade e máis da metade da súa vida estivo dedicada á política. Un duro golpe para os seus compañeiros que destacan sobre todo a súa forza e as súas ganas de pelexar ata o final.

    E aínda así, con certa axuda nalgúns días, Jorge Domínguez non deixou de traballar neste Concello ata o final. E foi este mesmo edificio o que abriu as súas portas para darlle o último adeus. .Á chegada do féretro viviuse un dos momentos máis emotivos da tarde, os veciños recibiron entre aplausos ó que foi o seu alcalde durante os últimos 21 anos.

    Máis de dous anos levaba Domínguez pelexando contra un cancro de pulmón e cerebro que o fixo pasar por momentos difíciles. Malia todo, xa enfermo presentouse as últimas eleccións municipais nas que volveu acadar a maioría absoluta. Era a quinta vez que gañaba unhas eleccións, nun principio como independente e dende o ano 2003 nas filas do Partido Popular. A partires do 2011 asumiu tamén o cargo de deputado provincial.

    Enxeñeiro técnico agrícola e técnico superior en prevención de riscos laborais, os seus compañeiros destacan sobre todo a súa capacidade como xestor. Unha xestión que converteu Meaño nun dos Concellos máis saneados de Galicia e que conta con dotación de servizos en tódalas parroquias. Ademais do seu traballo como rexedor, hoxe os seus compañeiros recordan sobre todo as súas virtudes como persoa.

    Como rexedor, eficiente, como alcalde, próximo ós seus veciños e como compañeiro xeneroso e atento. Unha figura para moitos convertida nun referente.

    Redacción Salnés