Un ex socio de Oubiña e a súa familia sentan no banquiño por branqueo

    fotodinocopia.jpgSALNÉS> Secundino Fernández xa fora condenado por narcotráfico no ano 97. Nesa operación tamén caeron Laureano Oubiña e Sito Miñanco.

    {flowplayer}images/salnes/XuizoSocioOubina.flv{/flowplayer}

    O alixo do Regina Maris, nin máis nin menos que seis toneladas de hachís, foi o que lle custou a Secundino Fernández unha condena a catro anos de cadea. Foi no ano 97, e agora, quince anos despois volve a sentar no banquiño por un delito de branqueo de capitais.

    Na intervención daquel pesqueiro na ría de Vigo non foi Dino o único en caer, tamén se levou por diante a Laureano Oubiña e Sito Miñanco. Precisamente con Oubiña é co que máis se relaciona a este arousán de 46 anos e a toda a súa familia. Ó seu lado, no xuízo a súa nai, a súa ex muller, a súa moza, o seu irmán e un amigo. Os que serían os seus testaferros nesta trama de branqueo.

    Ademais deste xuízo, Dino Fernández aínda tería pendente outra causa, neste caso por tráfico de cocaína, na que tamén está procesado.

    A Fiscalía sostén que tódolos cartos que obtiña a través destas actividades ilícitas, se lavaban a través dunha trama familiar. Pisos en Vigo, na Illa de Arousa, en Vilanova. Participacións nunha sociedade a nome de terceiros e varios coches de alta gama, mesmo un Cadillac tipo limusina.

    ¿A maneira de xustificar todo isto? Traballo. Unha vida laboral que comezaría, segundo o acusado, con quince anos traballando nun posto de pedaletas en Samil. Non ten papeis porque traballou sempre sen contrato. Tampouco se fiaba dos bancos polo que as súas contas correntes sempre estiveron a nome da súa nai, a súa muller ou o seu irmán.

    A fiscalía pide para Secundino Fernández unha pena de seis anos de prisión e multa de setecentos mil euros. Para o resto dos acusados pide cinco anos de prisión e multa de 650.000 euros excepto para o seu amigo que pola súa menor implicación vería rebaixada a pena a 4 anos de prisión e multa de 20.000 euros.

    Redacción Salnés