CAMBADOS> O Refuxio de Cambados atópase, de novo, ó límite da súa capacidade. Na protectora conviven nestes intres medio cento de cans. No centro insisten en que entre adoptar e mercar, a adopción é, sen ningunha dúbida, a mellor decisión.
Medio cento de cans agardan por unha familia no Refuxio de Cambados. A protectora está nestes momento ó límite da súa capacidade. Tan só teñen libre unha gaiola, grazas a unha adopción tramitada nas últimas horas.
O verán é complicado para o Refuxio porque nestes meses increméntase a reprodución e aumentan tamén os abandonos, por parte daqueles que se desprenden da súa mascota para marchar de vacacións. Por sorte, é tamén nestes meses cando se incrementa o número de solicitudes de adopción.
Esta mañá atopámonos no Refuxio cambadés a catro voluntarias. Foron pasear varios cans e aproveitaron para botarlle unha man a Emilio, limpando as instalacións e repartindo comida entre os peludos.
Outras moitas persoas achéganse ata o refuxio para doar penso, colares ou correas. Calquera axuda, din os seus responsables é pouco: o convenio co concello cambadés segue sen actualizar, polo que a súa situación económica segue a ser precaria.