Os ladróns rouban tamén no Centro Cultural do Sixto

    VILAGARCÍA> Os ladróns estanse a cebar ultimamente ca comarca do Salnés. Proba diso é outro dos roubos…

    {flowplayer}images/salnes/roubo_o_sixto.flv{/flowplayer}

     … acontecidos nas últimas horas: o asalto ó centro sociocultural do Sixto, en Vilagarcía na pasada madrugada do domingo ó luns. Aquí, os cacos entraron mediante o método do butrón no recinto, polos baños.

    Unha vez dentro levaron canto encontraron en efectivo e algún que outro obxecto de valor. Silvia, a encargada do local, descubría os feitos a primeira hora, ó encontrar ó bar asolagado trala rotura das tuberías dos baños; cando se decatou que se trataba de algo máis que dunha avaría.

    O detalle curioso deste roubo é que de todos cantos billetes de lotería e xogos do chou había só levaron sete décimos dun mesmo número para o próximo sorteo do Nadal rexeitando outros moitos; será que lles gustou unicamente ese.

    Arestora a Comisión de Festas está pensando a ver que fan co dito número do que só venderan tres billetes. En total, o valor do roubado ascende a máis de catro mil euros, á falla dunha valoración definitiva. As traballadoras deste local non sospeitan de ninguén en concreto posto só unha veciña oíu ladrar insistentemente ó seu can ás dúas da mañá pero non lle fixo máis caso. O certo é que esta non é a primeira vez que rouban neste lugar: nunha vez anterior mesmo lle levaran a caixa da alarma antirroubo.

     Desta volta pensan tomar medidas preventivas mais serias posto que a situación económica así o esixe. Así as cousas, os veciños están alertados por mor da vaga de roubos que azouta a zona. Entenden que ten que ver coa crise pero avogan por buscar solucións máis civilizadas ós problemas.

    Redacción Salnés