Abre a campaña da vieira con moi boas expectativas

    fotovieiracopia.jpgCAMBADOS> Tras case un mes de incerteza, a toxina deu por fin unha tregua e este Nadal poderemos ter na nosa mesa o que é o máis prezado dos bivalvos.

    {flowplayer}images/salnes/AbreCampanaVieira171212.flv{/flowplayer}

    Foi un mes de incerteza e preocupación, e cando xa case se asumía que a campaña non abriría a tempo para o Nadal, a toxina remitiu e acadáronse os dous negativos consecutivos que se precisan para poder extraer a vieira. Sen tempo que perder, esta mañá as máis de 30 embarcacións que se dedican á vieira saíron a faenar e como era de agardar todas volveron cos copos cubertos, 25 quilos por mariñeiro.

    Despois do Nadal do ano pasado, no que non se puido abrir a campaña, os mariñeiros recibiron a noticia con gran alivio. Estas datas son sen dúbida as de máis demanda deste produto e o baixón nas vendas, de non poder abrir, sería moi importante.

    En canto á cantidade, din os mariñeiros que non hai tanta como a campaña pasada, pero en canto á calidade, aseguran que é moi boa.

    O alcalde de Cambados, que tamén se achegou á lonxa nesta primeira xornada, destacou a importancia desta apertura en termos económicos e fixo referencia tamén a calidade dun produto convertido xa nun emblema do municipio.

    Nestes momentos eses primeiros case 3000 quilos atópanse xa en proceso de deputación na nave de Mariscos Veiro. Mañá serán evisceradas e porase xa no mercado. A empresa encargada de facelo é Porto de Cambados, dependente da propia confraría, é a primeira vez que esta empresa abastecerá o mercado para o Nadal.

    Cada vieira será envasada individualmente e etiquetada coa garantía do produto PescadeRías.

     Redacción Salnés