A ANPA do colexio de Carril seguirá mobilizándose se a Xunta non resolve o problema da auga

VILAGARCÍA> A ANPA do colexio Rosalía de Castro, en Carril, agarda que a Xunta atalle canto antes o problema da potabilidade da auga no centro. Á espera de que os técnicos da Consellería de Educación visiten o colexio, o colectivo de nais e pais advirte que continuará coas súas mobilizacións ata que as súas demandas sexan atendidas.

A ANPA do Colexio Rosalía de Castro celebra que a Consellería de Educación teña intención de avalia-la situación na que se atopa o centro. Está previsto que nos vindeiros días, técnicos do executivo galego visiten as instalacións para avalia-lo estado da instalación de fontanería. O compromiso de Educación sería valora-lo custo total dunha actuación integral para o Rosalía de Castro, que aborde tanto a reforma dos aseos como a renovación das tubaxes. Dende o colectivo de nais e pais agardan que  eses estudos sirvan para resolver, dunha vez por todas, os problemas da potabilidade da auga.

No colectivo din estar á espera de coñece-lo acordo entre o Concello e a Xunta para o arranxo das deficiencias. Polo de agora, o departamento que dirixe Román Rodríguez enviou unha circular ao centro prohibindo o consumo da auga da billa nas dependencias do colexio. Dende o departamento autonómico aseguran que se trata dunha medida de prevención, e tomaron mostras do subministro no interior e no exterior do centro para comprobar a potabilidade da auga. Á espera de ter algunha novidade, dende o colectivo de pais e nais non descartan continuar adiante coas súas reivindicacións.

Ademais do problema da auga no centro, a ANPA do Rosalía de Castro vai remitir un escrito ó concello vilagarcián para que se proceda a avalia-lo estado de conservación do soto do colexio, outro punto no que, segundo din, o mantemento é nulo.