Tres feridos nunha colisión en Vilanova e dous nun incendio en Vilagarcía

    SALNÉS> Tres persoas resultaron feridas nun accidente de tráfico rexistrado este medio día en Vilanova, na estrada que vai cara a Illa, á altura do Terrón. No sinistro víronse implicados dous vehículos. Segundo informan desde o 112, un particular alertou da colisión en torno ás doce e media do día, indicando que dos tres feridos, un atopábase inconsciente e presentaba dificultades para retiralo do vehículo. De aí que fora requirida a presenza dos Bombeiros do Salnés. O efectivo completouse con profesionais de Urxencias Médicas, Policía Local e Protección Civil de Vilanova e Garda Civil de Tráfico. Apenas unha hora despois deste suceso rexistrábase outro en Vilagarcía, neste caso un incendio urbano que tiña nun piso dun edificio da rúa Julio Camba. Efectivos de Protección Civil tiveron que rescatar a dúas das tres inquilinas, dúas xogadoras do Cortegada que tiveron que ser evacuadas polo balcón ó quedaren atrapadas polo fume que se rexistrou nunha das habitacións. Prendeu un colchón. As mozas foron trasladadas a un centro sanitario por inhalación de fume e ó pouco o incendio quedou extinguido e o edificio ventilado.