![]()
SANXENXO> A plataforma de afectados polas preferentes de Novagalicia Banco do Salnés veñen de iniciar un peche…
{flowplayer}images/salnes/concentracion_preferentes_030113.flv{/flowplayer}
… no Salón de Plenos do Concello de Sanxenxo. Este encerro voluntario é indefinido ata que se lle propoña unha solución política ó seu problema que eles entenden que se dilata de máis no tempo e que só pasa polo apoio das forzas políticas.
As setenta persoas que se están a mobilizar do Salnés, dos 600 afectados polas preferentes que se calcula que hai nesta comarca, veñen de comezar este peche na Casa Consistorial unha vez que o Banco de España ven de anunciar que NCG pagará as preferentes como accións a partires do vindeiro mes de febreiro, tras sufriren unha quita previa do 50 %.
Estas accións serán recompradas a cargo do Fondo de Garantía de Depósito ó non cotizar en Bolsa esta entidade intervida. Unhas novas que afondan no malestar destes aforradores que non queren ser tratados, en ningún caso, como especuladores. Os afectados polas preferentes iranse alternando neste encerro posto que moitos deles son maiores e non poden soportar as duras condicións que impoñen estes actos reivindicativos.
Unha mobilización que empezou xa con mal pé posto que un forte dispositivo de axentes da orde, tanto Policías Municipais e mesmo Gardas Civís non deixaron entrar nun primeiro momento a estes veciños no Concello, pechando con chave as portas da Casa Consistorial; nun feito inédito nas Rías Baixas. A Alcaldesa Catalina González non se encontraba no Consistorio, co que tivo que ser o tenente de Alcalde Salvador Durán o que lidiará cos afectados.
Tras varios tiras e afrouxas os afectados conseguiron entrar no Concello e protestar desde o seu interior. Desde aquí reclaman ó apoio da cidadanía á súa causa.
Ó fío das últimas novas publicadas sobre o peche dunha sucursal en Moaña por mor da intensidade das protestas dos afectados, desde o Salnés coidan que esta é unha escusa de Novagalicia Banco para seguir adiante co seu proceso de reestructuración da empresa poñéndoos a eles como culpables.
Redacción Salnés








