A Beira do Mar chega a un acordo cos grupos políticos da Illa

    abeiradomarcospoliticos_100_240407.jpgA ILLA > Principio de acordo entre os grupos políticos da Illa e a coordinadora A Beira do Mar para soluciona-lo problema que afecta a varios veciños.

    Na reunión celebrada a pasada tardiña entre os grupos políticos da Illa e os veciños, acordouse actuar conxuntamente para tratar de soluciona-lo problema que afecta a varios illeños cuxas casas son ilegais e teñen orde de derrubo. Tras un longo debate de máis de dúas horas, o colectivo decidiu abandoa-la vía das movilizacións e dos actos reivindicativos para apostar polo ‘diálogo e o consenso político’.

    O presidente do colectivo, Elisardo Paz, valora a reunión como ‘moi positiva’ e asegura que o alcalde ‘se comprometeu a mediar na Xunta para conseguir a singularidade e paraliza-los expedientes’. A paralización é precisamente a medida máis urxente para os veciños, que xa viron como se lles embargaban contas e propiedades ante o impago das multas impostas por non derruba-las súas propiedades.

    abeiradomarcospoliticos_300_240407.jpgPara iso o alcalde, José Manuel Vázquez,  pedirá unha reunión urxente co conselleiro de Economía e Facenda. E despois fará o mesmo co director xeral de Urbanismo e coa conselleira de Política Territorial para falar sobre a singularidade. Ademais, os representantes do PP, PSOE e BNG comprometéronse a falar cos responsables dos seus grupos parlamentarios para presentar interpelacións na cámara galega. O vindeiro luns celebrarase outra xuntanza na casa consistoria para facer un seguemento destes acordos.

    O presidente da Beira do Mar destacou tamén o apoio veciñal, que onte levou ata o concello a numerosas persoas que esperaron ás portas da casa consistorial ó resultado da reunión. O colectivo quere agradecerlle ó pobo este apoio que lles está prestando nun momento tan difícil para eles.

    Aclaración de Julián García

    Tamén Julián García Mouriño, ex concelleiro da Illa ven de facer algunhas aclaracións sobre a singularidade. Recorda que el foi un dos primeiros en traballar para conseguir que A Illa tivera un tratamento singular, e fíxoo moito antes de que chegaran os que agora reivindican porque lle vai o soldo nelo.

    O ex edil de urbanismo asegura que sempre defendeu a liña de costas en 20 metros para zonas como Cabodeiro e así se tentou tramitar no PXOM, pero a Xunta denegou ese tratamento que aínda así non deixaron nunca de pedir e que agora, co goberno do PSOE parece estar máis preto.

    De tódolos xeitos recorda que a lei impide construír aí e que así o sabían os veciños cando decidiron levanta-las vivendas sen o preceptivo permiso de Costas. Por iso lles pide que non busquen enfrentamentos e se poñan ó abrigo do Concello para conseguir aquello polo que tanto levan loitado.

    Redacción Salnés