Unha sentenza do Supremo obriga ao Concello de Meis a derrubar o bar da Ruta da Pedra e da Auga

MEIS> O Concello de Meis estuda posibles solucións para o bar da Ruta da Pedra da Auga. Unha sentenza do Tribunal Supremo obriga ó derribo da edificación, por terse erguido nunha propiedade privada dunha veciña. O goberno local non descarta chegar a un acordo con ela ou traslada-la construción a un punto de titularidade municipal.

Esta edificación, que agora ten unha orde de derribo ás súas costas, está situada nunha propiedade privada en plena ruta da Pedra da Auga. Unha sentenza firme do Tribunal Supremo obriga ó Concello a retirar todo o construído nese terreo e devolverllo á súa dona.

Segundo o goberno local, a titularidade desa parcela non estaba clara no momento no que se construíu o bar. Dende o executivo meisino apuntan que unha casualidade do destino quixo que esa edificación se erguese nese punto e non noutro espazo da ruta.

O conflito iniciouse no ano 2013, cando unha veciña aseguraba se-la lexítima dona do terreo, baseándose nunha escritura pública que o seu pai realizou tras a compra da propiedade no ano 71 e o posterior testamento dos seus proxenitores. Daquela, a xustiza deulle a razón ó Concello , argumentando que a documentación aportada só determinaba que o pai da demandante era propietario do terreo, pero nos anos 70, sen que na posterior herdanza se detallase que esa parcela pasase a unha nova propietaria. Despois dese revés, a denunciante recorreu ante a Audiencia Provincial, quen si lle deu a razón. Tras eses fallo, foi o concello o que decidiu acudir ó Supremo, quen agora botou por terra as intencións do Concello. Tras este revés, o goberno local di estar buscando solucións para resolve-la situación canto antes.

O executivo local apunta que os asesores xurídicos municipais van estuda-las posibles solucións a esta situación. E todo, di o alcalde, para que os excursionistas que frecuentan a ruta non queden sen o servizo de cafetería. O local leva xa meses pechado. Dende o goberno local contan con que o establecemento poida reabri-las súas portas de novo en breve, unha vez resoltos os seus problemas legais.