Os furtivos agreden a un vixilante e causan danos nos vehículos da confraría

    RIANXO> Continúan os ataques dos furtivos a vixilantes e mariscadores en toda a comarca do Barbanza, especialmente en Rianxo e Cabo de Cruz.

    {flowplayer}barbanza/agresionsfurtivosrianxo.flv{/flowplayer}

    Ó dano que ocasiona o furtivismo ós bancos marisqueiros e ó traballo dos profesionais engádense as constantes agresións que practicamente a diario sufre o persoal das confrarías. A plena luz do día, os furtivos pincharon as rodas do camión das mariscadoras de Rianxo despois de que estas alertaran á Garda Civil ó detectar a súa presenza na praia da Torre.

    Aínda que soen ser cuantiosos os desperfectos que ocasionan nos vehículos da confraría non son o peor. Hai uns días, un vixilante sufriu diversas lesións cando un grupo de furtivos tentou arroxalo por un barranco na zona de Tanxil. Afortunadamente conseguiu agarrarse a unha árbore polo que os danos non foron tan graves.

    Delito penal

    En vista do violento cariz que está tomando o problema do furtivismo, o sector clama a súa tipificación como delito penal, a única vía que consideran eficaz para atallalo.

    Denuncian que os delincuentes son sempre os mesmo e actúan como bandas organizadas con controles na estrada e nas praias para detectar ós vixilantes. Malia que están identificados decláranse insolventes polo que non fan fronte ás sancións e seguen a furtivar.

    Redacción Barbanza