RIBEIRA> O novo espazo, que triplicará a capacidade das actuais instalacións de Lustres Rivas, estará emprazado no edificio da ‘Casa do Gran Sol’, na céntrica rúa de Galicia.
O salón de plenos acollía este mediodía a presentación do proxecto da que será a futura biblioteca de Ribeira. O deseño, que foi encargado á firma local Oxil Arquitectos, prevé triplicar a capacidade das actuais instalacións de Lustres Rivas. Estará emprazada na vivenda, coñecida como “Casa Gran Sol”, que foi adquirida polo Concello en 2021 por unha cantidade próxima ós 245 mil euros.
A intención do Concello é que o proxecto poida saír a licitación no prazo de un mes para que sexa unha realidade a finais do vindeiro ano 2023.
O proxecto destaca pola súa beleza e funcionalidade, cun edificio distribuído en dúas plantas e soto, e un xardín interior.
O futuro inmoble, ademais de albergar a biblioteca , incluirá salas de estudo e outros espazos de usos múltiples que posibiliten tamén a celebración de actividades culturais e de dinamización da lectura.
O seu orzamento ascende a preto dos 900 mil euros.
Cómpre lembrar que a rehabilitación e adecuación do inmoble destinado á nova biblioteca foi un dos catorce compromisos expresados no acordo subscrito entre o grupo de goberno e o grupo socialista para a aprobación dos orzamentos.