Os Bolechas promoven a igualdade a través do CIM de Ribeira

RIBEIRA> O Centro de Información á Muller de Ribeira vén de editar unha guía sobre Igualdade para nenos. A publicación, protagonizada polos Bolechas, percorre as distintas parroquias do municipio.

Os alumnos de sexto de infantil e primeiro de Primaria de tódolos centros educativos de Ribeira recibirán un exemplar da guía ‘Os Bolechas van a Ribeira. A igualdade entre nenos e nenas’. Esta publicación, promovida polo Centro de Información á Muller de Ribeira, a través dunha achega da Xunta enmarcada no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, percorre as distintas parroquias do municipio abordando temas relacionados coa igualdade.

A diversidade sexual, o respecto ós valores e o rexeitamento á violencia son outros dos temas que se abordan neste libro do que se editaron mil cincocentos exemplares.

O obxectivo do concello é fomentar a sensibilización contra a violencia e promover a igualdade dende ben cedo.