A confraría de Lourizán pide o saneamento da zona de marisqueo

     PONTEVEDRA> As mariscadoras piden á administración que realice labores de saneamento para converter esta zona, catalogada como C, en zona B.

    {flowplayer}images/salnes/SaneamentoLourizan_070313.flv{/flowplayer} 

    A causa de que Lourizán sexa considerada como zona C para o marisqueo é o baixo nivel da calidade de augas e alto índice de sustancias residuais que conteñen. Isto ven dado principalmente por culpa dos tres concellos que verten alí as súas augas: Marín, Poio e Pontevedra.

    O alcalde explicou que dende o concello levan anos facendo un esforzo por eliminar estes vertidos completamente e que isto podería conseguirse se é que se executa a separación de augas pluviais e residuais do colector do Gafos, polo que xa teñen un proxecto asinado coa Xunta. Lores asegura que as intensas choivas deste ano, fixeron que o nivel de vertidos aumentase. 

    Por parte da confraría, a súa presidenta Mari Carmen Vázquez, sinalou que para eles é fundamental o saneamento da zona de Lourizán, xa que poderán obter un producto de mellor calidade e vendelo a un prezo maior no mercado. 

    Dende a Confraría de Lourizán seguirán a manter xuntanzas con representantes doutras administracións, como Augas de Galicia ou o concello de Poio, para tratar de consensuar un arranxo a esta problemática.

    Redacción Salnés