Marta Rodríguez Arias é a deputada máis austera

     SALNÉS> Os Deputados do Parlamento Galego veñen de presentar a súa declaración de bens e rendas que xa se atopan…

    {flowplayer}images/salnes/declaracions_deputados.flv{/flowplayer}

    … á disposición de tódolos cidadáns na páxina web do propio Parlamento. Hai penduradas nesta web un total de 66 declaracións á espera de que os deputados de Alternativa Galega de Esquerdas publiquen as súas, algo que ó parecer non fixeron por un malentendido nos prazos. De entre todos estes datos, chama a atención a declaración do que foi Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, que posúe cadansúa vivenda en Pontevedra e en Portugal, amais dun apartamento en Portugal. Na conta corrente conta con máis dun millón oitocentos mil euros; participacións por valor de case trece millóns cincocentos mil euros; accións por case 65.000 euros e case 100.000 euros en outro valores. Ten tamén catro vehículos de alta gama: un Mercedes, dous BMWs e un Aston Martin, amais dunha embarcación. Un patrimonio o de este empresario, moito maior que a do propio presidente da Xunta.

    Alberto Núñez Feijóo asegura contar con cadansúa vivenda en Madrid e en Vigo, esta última con garaxe. Ten tamén unha finca rústica en Santiago e outra urbana en Moaña; un depósito a prazo fixo de cento nove mil euros e unha conta corrente de 13.277 euros; 75 accións de telefónica; un plan de pensións por máis de 89.000 euros; un préstamo hipotecario do que lle resta pagar 76.726 euros e un automóbil Citroën C Crosser. No tocante ós deputados das Rías Baixas, á falla de coñecer a de Juan Fajardo de Esquerda Unida, salientamos as declaracións dos seguintes representantes no Parlamento Galego.

    A popular vilagarciá Marta Rodríguez Arias é das máis austeras. Ten un piso en Pontevedra cunha hipoteca da que lle resta pagar algo máis de 52.000 euros. Posúe 2.043 euros na súa conta de aforro e dous vehículos: un Seat Ibiza e un Volswagen Golf TDI.

    A tamén popular de Ribeira Herminia Pouso Maneiro declara posuír unha vivenda unifamiliar e unha parcela na Coruña, unha conta de aforro con case 5.600 euros, dous turismos, un plan de pensións de case dez mil euros e un plan universal VYP de algo mais de 4.500 euros. Pediu amais un crédito de 18.000 euros do que lle quedan por pagar case dez mil euros.

    O que fora alcalde de Lousame, o popular Santiago Freire Abeijón, declara ter unha vivenda de pedra en Lousame e unha parcela de 1.300 metros cadrados, ámbalas dúas en réxime de gananciais. Ten, amais, unha conta corrente con algo máis de 48 mil euros e tres vehículos: un Opel Vectra, un Chevrolet Captiva e un Alfa Romeo 147.

    A representante do BNG de Cambados,Monserrat Prado Cores, posúe unha vivenda unifamiliar en réxime de gananciais e unha conta corrente e depósitos a prazos con case noventa e sete mil euros.Afirma tamén ter un Citroën Xsara e ter recibido o ano pasado case 48.000 euros por formar parte do Consello de Administración da Compañía de Radio-Televisión pública de Galicia.

    Redacción Salnés