As mancomunidades arousás buscan atraer navegantes coa ruta xacobea por mar

RIANXO> As Mancomunidades do Barbanza e do Salnés quentan motores para o próximo ano santo coa  promoción da Ruta Xacobea Mar de Arousa- Río Ulla. esta mañá presentaron un video promocional do proxecto ‘Navega O Camiño’ que pretende atraer visitantes interesados en percorrer o único camiño de Santiago por mar.

Son os propios peregrinos que realizaron a ruta dende o porto francés de La Rochelle, coa colaboración do operador Northmarinas, os encargados de transmitir as sensacións e vivencias experimentadas no camiño e que foron recollidos nesta peza audiovisual que hoxe veu a luz.

Presentouse en Rianxo, coa presenza dos representantes das mancomunidades de Barbanza e Arousa e o Salnés, as dúas comarcas que flanquean a ría converténdose en portos xacobeos desta ruta única no mundo.

O obxectivo é promocionar o turismo náutico atraendo veleiros a nivel nacional e internacional, aproveitando as óptimas condicións de navegabilidade da nosa ría durante todo o ano.

A ruta conta co recoñecemento oficial de camiño de Santiago polo que aqueles peregrinos que acrediten un mínimo de cen millas de navegación e ter completado o último treito da ruta por terra recibirán a Compostela.