A hostalería vive unha das súas peores Semana Santa

     SANXENXO> O Consorcio de Establecementos Turísticos de Sanxenxo ven de valorar moi negativamente esta pasada campaña de Semana Santa

    {flowplayer}images/salnes/ocupacion_sanxenxo.flv{/flowplayer}

    … na que os índices de ocupación hostaleira xeral foron do 42,58 %. Sen dúbida o mal tempo destes últimos días foi o factor que máis pesou na escasa afluencia de visitantes que cada día tenden a reservar máis a última hora. Amais, nesta ocasión este período vacacional caeu moi baixo, a finais de mes e nun período de crise moi agudizada co que se xuntou a fame cas ganas de comer.

    Os establecementos que máis padeceron a falla de turistas foron os campings e os hoteis de dúas e tres estrelas, manténdose aceptablemente os de alto standing que contan as mais das veces nas súas dependencias con oferta complementaria como spas ou balnearios, como é o caso do Carlos I, o máis luxoso da contorna. 

    A inestabiliade meteorolóxica fixo que as reservas non se producisen ata as últimas 24 horas, na súa inmensa maioría a través da Internet. Os clientes buscaban no Carlos I opcións dentro do propio hotel para pasar o tempo de lecer para toda a familia; aínda que sempre cun control pormenorizado do gasto. A situación vivida nos campings das Rías Baixas foi ben distinta.

    O mal tempo fixo que os bungalows do Camping Ría de Arousa 2 non chegase a acadar o cheo do ano pasado por estas datas, malia que os prezos si foron sensiblemente inferiores. Tras esta mala Semana Santa, agora as expectativas dos hostaleiros das Rías Baixas están postas nas pontes de maio, a sabendas de que non é o turismo de proximidade o que máis gasta.

    Ante esta situación, a CETS e outros empresarios a titulo persoal reclaman medidas urxentes: piden que os distintos organismos tomen cartas no asunto para evitar a excesiva dependencia dos turismo nacional en Galicia, que se aborde o tema da atomización do sistema aeroportuario galego; e que se aposte de xeito decidido por este sector terciario.

    En Cambados a ocupación media foi do 50 % chegando soamente á ocupación total nalgunha casa rural. Incluso baixaron as consultas nas oficinas de turismo nun tercio, pasando das 1.500 do ano pasado ás mil da pasada semana.

    En Pontevedra, nestes días de Semana Santa o Servicio de Información Turística atendeu a un total de 2.063 visitantes, o que supuxo un incremento do 60.5 % respecto ó ano anterior. A maior parte dos turistas atendidos eran de procedencia nacional, na súa maior parte galegos, sendo os madrileños, seguidos dos andaluces e dos vascos os que máis se achegaron a preguntar do resto da cidadanía española. No eido internacional cabe destacar sobre todo a maior presencia dos portugueses, seguido dos alemáns e dos franceses nesta capital de provincia.

    Redacción Salnés