Tele Salnés Barbanza comeza a emisión de INFORmar

    CORPORATIVO > TeleSalnés Barbanza comeza a emisión dun novo programa semanal sobre o mundo do mar. Trátase dunha aposta firme e decidida desta canle na que se tratarán todos os aspectos relacionados co sector mariño. Dirixido por Antonio Blanco e co-producido e presentado por Pastora C. González, INFORMAR fará especial fincapé na pesca, no marisqueo e a acuicultura.

    Xusto antes do espazo de entrevistas ‘Pleno Aberto’ comeza o primeiro programa de INFORMAR. Un espazo que afondará no traballo dos bateeiros e recollerá toda a información e as novidades do mar. Tamén recollerá eventos relacionados co sector e dedicará parte do seu tempo ao ocio marítimo: dende a náutica ata o turismo de mar. Iso sen esquecer aspectos fundamentais que afectan ao día a día do mariñeiro como o salvamento marítimo.

    No primeiro programa contaremos coa intervención da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego, quen falará do sector do mar en Galicia. Tamén nos achegaremos ata o Consello Regulador do Mexillón de Galicia para coñecer a estrutura e funcionamento deste órgano e pasaremos unha xornada a bordo dun barco da vieira, entre outros temas. Cada mércores ás once menos cuarto da noite en TeleSalnés Barbanza.

    Redacción Salnés