A Xunta subvenciona ó comercio de proximidade con 2.2 millóns de euros

     CAMBADOS> A Consellería de Economía e Industria presentou en Cambados o novo programa de axudas ás asociacións de comerciantes

    {flowplayer}images/salnes/touris_por_axudas_cca.flv{/flowplayer}

    … para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, que está dotado con 2,2 millóns de euros, un 10% máis que o ano pasado. Con estas achegas apoiaranse diversas iniciativas do sector como poden ser campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou proxectos de sinalización comercial externa, ademais de axudas para o funcionamento das unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.

    Estas axudas repartiranse este ano primando criterios como o autofinanciamento das asociacións, a través da captación de socios, e tamén se valoran de xeito especial as actuacións que beneficien ás familias numerosas. En vista destes requirimentos, o Presidente do Consorcio do Comercio do Salnés fixo un chamamento de novo ó asociacionismo.

    Estas axudas poderán solicitarse a partires desta semana. No caso dos Centros Comerciais abertos poden alcanzar o 80 % do investimento subvencionable chegando ata os 40.000 euros, sempre en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados. No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros.

    Redacción Salnés