Facturas ata un 90% máis caras: o comercio local tamén afoga coas abusivas tarifas da luz

VILAGARCÍA> Imaxinan ter que pagar 1.000 euros máis na súa factura da luz? Pois nesta situación atópanse moitos establecementos comerciais da nosa contorna, que tampouco se libran das abusivas tarifas das eléctricas. Salóns de peiteado ou panaderías son algúns dos negocios máis afectados. Aínda arranstrando as consecuencias da pandemia, pídenlle ao Goberno medidas urxentes para abarata-la factura.

Se nestes tempos acende-la luz ou enchufar un aparello dóenos a todos… imaxinen nun establecemento comercial onde hai ducias de máquinas tirando da enerxía. O comercio local afoga tamén ante as abusivas tarifas das eléctricas. Entre os establecementos máis afectados atopamos, por exemplo, as panaderías, onde os fornos traballan arreo. Nesta de Vilagarcía sufriron un incremento desorbitado.

Nesta outra tenda de ultramarinos pasaron de pagar 170 euros de luz a case 300. As ‘culpables’ as neveiras refrixeradoras que funcionan 24 horas ao día. Piden medidas urxentes para frear este incremento desproporiconado..

A xente de a pé xa se está vendo afectada por esta suba do prezo da luz no consumo doméstico. Esta mañá ás portas da oficina de Naturgy, moitos agardaban a súa quenda para tentar conseguir información sobre as tarifas.

Aos problemas xerados polo incremento das tarifas únese tamén a incerteza de moitos usuarios que aínda non recibiron as últimas facturas. Moitas comercializadoras están acumulando demoras por culpa, din, das distribuidoras eléctricas.

Esta pasada fin de semana houbo concentracións organizadas pola CIG contra o recibo da luz en Vilagarcía e tamén en Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo. Mañá o prezo da luz baixará lixeiramente, aínda que se mantén en máximos históricos por riba dos 150 euros o megawatt./hora. As horas máis caras serán entre as 8 e as 9 da mañá e as 9 e 10 da noite, onde continúa e niveis récord con 190 euros.