Os veciños de Adina propoñen construír vivendas sociais en Monte Faro

    vecinos_adina_100_020109.jpgSANXENXO > A Asociación de Veciños Adina ofrece á Consellería de Vivenda e Solo o SEU 14 para executar o Plan Sectorial de Vivenda.

    Representantes da Asociación Adina reuníanse este luns en Pontevedra co delegado provincial da Consellería de Vivenda, Eudosio Álvarez. O motivo da xuntanza era propoñer á Xunta novos terreos para executar o Plan Sectorial de Vivenda de Sanxenxo, rexeitado polos veciños de Padriñán. A Asociación Adina pretende que as 330 vivendas sociais contempladas no plan se executen na parcela SEU 14 de Monte Faro. Entre as vantaxes desta zona destacan a proximidade de Portonovo e a conexión directa coa Autovías do Salnés.

    O colectivo veciñal decidiu poñer en marcha esta iniciativa ante o que consideran unha falta de interese por parte do concello de Sanxenxo á hora de construír vivendas de protección oficial.

    Segundo o presidente da Asociación, Gerardo Fernández, a edificación destas vivendas suporá grandes vantaxes para o municipio, e en especial para a súa poboación máis moza. Fernández asegura que nestes momentos as vivendas en Sanxenxo teñen un prezo demasiado elevado, mentres que os pisos de protección oficial reunirían mellores condicións e prezos.

    A Consellería de Vivenda acolleu de xeito positivo esta iniciativa. Agora o delegado provincial transmitirá a proposta ós técnicos da Xunta para que a estuden. Segundo a Asociación Adina, dentro de dúas ou tres semanas o delegado provincial volverá a recibilos para comunicarlles as posibilidades de executar o Plan Sectorial na zona de Monte Faro.

    Redacción Salnés