Os afectados polas preferentes monopolizan o pleno da Deputación

     PONTEVEDRA> O salón de plenos da Deputación Provincial de Pontevedra converteuse esta mañá de novo no escenario dos actos…

    {flowplayer}images/salnes/pleno_deputacion_preferentes.flv{/flowplayer}

    … reivindicativos dos afectados polas participacións preferentes. Para esta mañá estaba previsto un pleno no que, entre outras cousas, se ía a abordar esta problemática; razón pola cal o salón estaba ateigado de afectados das distintas plataformas pontevedresas. Nada máis comezar o pleno empezaron as reivindicacións; co que a orde do día prevista no pleno quedou en quimera. O problema das preferentes foi o único asunto do día a tratar: entre berros e apupos os afectados intentaban reclamar a intercesións dos deputados provinciais ante organismos superiores.

    O clima de tensión foi medrando ata o punto de que houbo que desaloxar a unha das presentes ó pouco de iniciarse a sesión por un desmaio. Ante a insistencia do público, pouco a pouco, varios deputados foron abandonando o seu escano e poñéndose de lado dos afectados. O primeiro en vestir a camiseta reivindicativa dos afectados foi o nacionalista pontevedrés César Mosquera e pouco despois era o propio Presidente Rafael Louzán o que se sumaba á causa. Un xesto que o auditorio reclamou que fose moito máis aló da mera foto para os medios de comunicación.

     Tras uns primeiros momentos de intervencións desesperadas e a berros, houbo quendas de interlocución regradas; como a pedida previa e formalmente polo Voceiro da Plataforma de Afectados de Vigo-Val Miñor; José Manuel Estévez Rodríguez; quen deu conta da visita da comitiva dos afectados á sé do Parlamento Europeo. Tamén reivindicou máis arbitraxe o que está a ser un dos personaxes máis polémicos deste conflicto por ser acusado polos políticos de “rebentar” numerosos actos a priori pacíficos, o liberado sindical da CIG, Xulio Vicente, quen confesou á Canalriasbaixas que xa fora chamado para este proceso ata en tres ocasións e que rexeitara ir ata que se chame a tódolos afectados.

    Unha vez que lle devolvan os cartos a tódolos aforradores, os afectados piden tamén que se esixan responsabilidades tanto para os que asinaron o proceso de fusión de Nova Galicia Banco unha vez vista a Auditoría que daba conta da situación real das dúas entidades que se ían a integrar, e tamén a aquelas persoas que dunha ou outra maneira foron responsables da comercialización destes productos tóxicos; entre eles o Ministro de Guindos.

    Os afectados polas Preferentes pediron tamén no seo do ente provincial axuda para que Facenda non lles quite os intereses relativos ás preferentes que xa pasaron polo proceso da arbitraxe; algo que eles mesmos non saben xestionar ante facenda. Finalmente os afectados polas preferentes obtiveron, cando menos de palabra, o que pretendían: o apoio unánime dos tres grupos que compoñen esta cámara provincial para que o seu problema sexa elevado de novo ante o Goberno Central.

    Redacción Salnés