![]()
POBRA > A maxistrada do Xulgado do Penal Número 2 de Santiago declarouse incompetente …
… para xulgar ó anterior patrón maior da Pobra do Caramiñal, Antonio Martínez Torres, e a varios membros da súa xunta directiva, por un presunto delicto de apropiación indebida. A decisión foi adoptada a petición do avogado da acusación e co apoio do fiscal. Os acusados deberán agardar agora a ser chamados polo titular da sala do penal da Audiencia Provincial.
O avogado da Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal, Alberto Muñoz, sinalou que estaba previsto que se iniciara a primera vista oral no Xulgado do Penal de Santiago, pero a última hora e a petición da propia Confraría e do Ministerio Fiscal, o Xulgado do Penal inhibiuse a favor da Audiencia Provincial da Coruña, que dará saída á denuncia que no seu día interpuxo a actual Xunta Xeral do pósito pobrés contra o anterior patrón maior, Antonio Martínez Torres, por un presunto delicto de apropiación indebida de fondos e incluso malversación de caudais públicos.
Segundo explicou o propio Alberto Muñoz o ex-patrón maior e seis socios do pósito pobrés, tres dos cales formaban parte da anterior xunta directiva, quedáronse co excedente de marisco unha vez realizada a pesaxe a pé de praia e facturábano ó seu nome. Estas prácticas aconteceron entre os anos 1997 e 1999, polo que de comprobarse os feitos, poderían condenar a Antonio Martínez e ós seus socios a penas de máis de catro anos de cárcere.
Alberto Muñoz sinalou ademais que o ex-patrón maior e a anterior directiva exercían unha gran presión sobre os mariscadores, controlando todo, tanto na praia como na lonxa, contabilizándose nestes anos uns 240 mil euros que sairon de maniobras irregulares.
Segundo o avogado do pósito pobrés a Confraría descubriu estes feitos unha vez que a nova directiva, co actual patrón maior Manuel Maneiro á fronte, colleu as rendas do pósito, constatándose como algúns socios triplicaban a renda anual doutros mariscadores. Segundo el había traballadores que gañaban 30 mil euros ó ano sen ir á praia, mentres que outros acumulaban uns 18 mil.
Para Alberto Muñoz se o delicto inclúe malversación de caudais públicos, como acontecera na sentencia en contra do ex-patrón de Noia, Xosé Antonio Agrafojo, a pena podería ser moito maior.
Redacción Barbanza










