A Xunta aposta polo mar como dinamizador turístico

     SANTIAGO> A Conselleira do Medio Rural e do Mar presidiu a presentación do programa ‘Cómete o mar’. Trátase dunha aposta decidida polo turismo mariñeiro na que participarán os sete GAC de Galicia.

    {flowplayer}barbanza/presentacioncometeomar.flv{/flowplayer}

    De que Galicia ten moito que ofrecer non cabe ningunha dúbida. Sen embargo, a administración autonómica en colaboración cos Grupos de Acción Costeira pretende ir máis alá da oferta turística tradicional dando ós visitantes a posibilidade de vivir experiencias únicas. Iso é o que pretende o programa ‘Cómete o mar’ que engloba unha serie de iniciativas turísticas relacionadas coa pesca e o marisqueo dende navegar nunha embarcación coñecendo as distintas artes de pesca ata, visitar unha batea ou mergullares na beleza dos fondos das nosas rías.

    Trala experiencia piloto desenvolvida en Muros, Comete o Mar esténdese a toda a costa galega. Durante as fines de semana de xuño, máis de cincocentos establecementos e entidades ofrecerán menús degustación, rutas de tapas, actividades mariñeiras e paquetes turísticos con aloxamento. A iniciativa complementarase cunha serie de obradoiros gastronómicos e a celebración de sete mercados mariñeiros en diversas vilas do litoral.

    Xerador de emprego

    A través deste programa preténdese fomentar o coñecemento da cultura mariñeira e a potenciación dos produtos pesqueiros. este é precisamente un dos principais obxectivos da administración autonómica que inviste máis de catro millóns e medio de euros nas iniciativas promovidas polos GAC co fin de seguir xerando emprego nun dos sectores produtivos máis importantes da comunidade.

    Ademais do aspecto produtivo do mar, este recurso ten unha proxección turística de incalculable valor en tódalas súas vertentes que fai das zonas costeiras un lugar idóneo para acoller visitantes ó longo de todo o ano. Se xa se animaron a mergullarse nesta rica e variada oferta turístico marítima poden consultar as distintas actividades na web www.cometeomar.com.

    Redacción Barbanza