![]()
BOIRO > O concello de Boiro iniciou as súas festas de verán esta fin de semana cun amplo programa de actividades que tiveron como centro a Mostra das Culturas, encontro no que se deron cita artesáns de varios puntos de Galicia e España. A música tampouco faltou nestas celebracións a cargos de grupos como Milladoiro, Macaco ou Compañía do Ruído.
As rúas do municipio boirés convertéronse durante esta fin de semana nun constante ir e vir de veciños e visitantes, chegados de toda a comarca, para desfrutar das tradicionais festas de verán. A Mostra das Culturas foi a actividade con maior éxito posto que a organización estima que preto de dez mil persoas se achegaron á carpa instalada no Parque da Cachada. Alí, os asistentes puideron coñecer de preto diferentes manifestacións culturais tanto a nivel galego como doutros puntos de España, entre eles País Vasco ou Valencia. Os visitantes percorreron o mercado verde e solidario e os stands da feira de artesanía onde puideron adquirir auténticas obras de arte elaboradas a man.
As actividades nocturnas tampouco defraudaron, especialmente a música. O concerto de Milladoiro, o venres pola noite, congregou a máis de dúas mil persoas e a actuación de Macaco foi seguida por preto de tres mil asistentes.
Durante a fin de semana leváronse a cabo outras actuacións como a da Banda de Música de Toledo ou a do grupo de música tradicional basca, Hala Dzipo ou os concertos de Compañía do Ruído, Puctum, Dios que te Crew ou MrDixie-Jazz Band.
Tamén houbo espazo para o baile tradicional nun festival que contou coas actuación das Amas de Casa de Boiro, o grupo Aroña de Escarabote e Xilbarbeira de Boiro e varias exhibicións a cargo de grupos infantís.
Os máis festeiros, que aínda lles quede corda para rato, poderán seguir a desfrutar destas celebracións ata o próximo mércores xa que aínda quedan moitas actividades por desenvolver no programa festivo. A diversión e o ambiente están garantizados nesta cita estival que sempre consigue reunir a miles de persoas.
Redacción Barbanza









