A Volta arrancará cunha gran marcha cicloturista

 PONTEVEDRA> O presidente da Deputación, Rafael Louzán e o director de Unipublic, Javier Guillén, presentaron esta mañá no Pazo Provincial o evento Etapa de la Vuelta co que se pretende que o maior número posible de persoas participe de forma activa na Volta ciclista. Con este obxectivo, a véspera da saída da Volta, o día 23 de agosto, celebrarase unha marcha cicloturista, na que poderán participar todos os afeccionados á bicicleta que así o desexen.

{flowplayer}images/salnes/EtapaVolta_300513.flv{/flowplayer} 

Cunha gran marcha cicloturista. Así arrancará a Volta Ciclista a España de 2013. Dende a organización pretenden que participen miles de persoas, afeccionados á bicicleta, tanto de Galicia, como do resto de España e Portugal.

Un percorrido vistoso e divertido que terá o seu punto de partida no mesmo lugar onde ó día seguinte arrancarán os ciclistas profesionais, nunha batea situada en Vilanova de Arousa. Despois dun trazado de 127 quilómetros por varios puntos da comarca, chegarán á meta, situada no Mirador de Lobeira de Vilagarcía, que tamén será chegada doutra etapa da Volta, neste caso da terceira tirada. Un percorrido esixente pero asequible para a maior parte das persoas e que estará completamente preparado como se dunha etapa da Volta oficial se tratase.

A inscrición poderá facerse a través da páxina www.etapadelavuelta.com, onde tamén poderán obter toda a información relativa á proba. O prezo será de 20 euros e incluirá a comida popular coa que se pechará, unha festa o día anterior, cando se procederá á entrega de dorsais; unha camiseta conmemorativa e un chip co que os corredores poderán obter información dos tempos parciais do seu percorrido.