O Vilalonga lévase o derbi pola mínima ante o Portonovo

vilalonga100_261107.jpgSALNÉS > O Vilalonga levouse pola mínima un derbi que non se caracterizou polo bo xogo pero sí polo esforzo e loita dos dous equipos.

Comezaron máis atinados os locais, que marcaron o ritmo do encontro nos primeiros compases e incluso tiveron algunha ocasión para adiantarse. Pero pouco a pouco o Portonovo foi gañando a batalla de mediocampo, con Nacho e Jacinto inconmensurables, e dominaron a partir do último cuarto de hora da primeira metade .

A segunda parte comezou como acabou a primeira, con dominio visitante que se fixo visible en numerosas ocasións. A máis clara, unha de Jacinto a quince para o remate, pero o seu disparo raso e cruzado mandouno a córner César nunha intervención de moito mérito.

Pero sería o Vilalonga o que se levaría o encontro tras aproveitar un claro penalti cometido sobre Fabio a cinco do final. Como ven sendo habitual, Comesaña encargouse do lanzamento e transformación dunha pena máxima que valeu tres puntos. Importante victoria sen dúbida para o Vilalonga, que demostrou que sabe gañar sufrindo; sitúase así a tan só un punto dos postos de ascenso.

Peor quedan as cousas para o Portonovo, que pese a que esta derrota entraba dentro das posibles no calendario, fóronse doídos pola forma na que caeron. De tódolos xeitos, a imaxe dada pola equipo de Piscis continúa ser boa.

Ó que non pode ter queixa é o aficionado do Arousa. Os de Laxes levan sumado sete dos últimos nove puntos en xogo e trala victoria de onte xa deixan a cinco os postos de descenso. 0-3 en Betanzos con goles de Padín, Chiño e Juan Carlos que permite afrontar con máis tranquilidade os seguintes partidos.

Unha tranquilidade da que non presume o Céltiga. Continúan a dous puntos do descenso pese a facer onte un gran partido contra un dos equipos chamados a estar loitando polo ascenso, o Narón. O 1-1 se cadra non reflicte os méritos que un e outro equipo fixeron por levarse a victoria, xa que os de Manuel Núñez despuxeron dunha infinidade de ocasións de gol. Agora lles tocará visita-lo dificil campo do Negreira.

Redacción Salnés