Un sumiller cambadés participa no Campionato de Mundo de Cata

    CAMBADOS> Un sumiller cambadés, José Luís Aragunde, ven de ser escollido para participar no Campionato do mundo de cata, en Francia. É a primeira vez que se celebra un torneo destas características a nivel internacional. A Capital do Albariño estará representada no próximo Campionato do Mundo de Cata que terá lugar na localidade de Pessac, na área de Burdeos, en Francia. Será posible grazas a que un empresario da hostalería e sumiller, José Luís Aragunde, formará parte do cuarteto que representará a España neste certame, baixo a coordinación de Philippe Cesco. Xunto con Cesco a Aragunde estarán o sumiller xefe de Sergi Arola, Dani Póveda, e o cántabro Jorge Carmona. Os catro competirán contra equipos doutros países tan cualificados como os canadenses ou os chineses. A preparación de Aragunde, amais da específica de sumiller, é a súa práctica diaria na súa vinoteca Ribeira de Fefiñáns, e tamén no club de cata internacional que se veñen reunindo cada xoves dos últimos dez anos. Aragunde non sabe porqué o escolleron nin tampouco cal é o premio do certame; abóndalle ca ilusión de ter sido seleccionado para a estrea desta experiencia. Pero este non é o único recoñecemento que recibiu este cambadés neste ano: foi finalista no certame de Naríz de Ouro, nomeado folla de prata no último Capítulo Serenísimo da Festa do Albariño de Cambados e, por se fora pouco, participa cuns amigos, na elaboración dun branco monovarietal albariño de nome Crisopa, que xa se serve nun dos restaurantes de cabeceira do Presidente de Estados Unidos, Barack Obama. Aragunde templa os nervios participando na elaboración do viño desde os seus inicios, posto que estes días alternou o seu negocio de hostalería ca vendima en campos do Salnés. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/10/catador_.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/10/CONCURSO_CATA_INTERNACIONAL.mp4{/flowplayer}