A comarca de Caldas encara as eleccións municipais sen grandes previsións de cambio

Facemos un repaso pola comarca de Caldas ante a celebración das eleccións municipais de hoxe. Na capital de comarca, en Caldas, Juan Manuel Rey é alcalde desde o ano 2006 e quere selo catro anos máis. O socialista sitúase neste momento á fronte dun goberno en minoría. Polo momento conseguiu facerse co bastón de mando en todos os comicios aos que se presentou, nunha praza na que o PSdeG sempre estivo no poder. As opcións deste 2023 volven ser as mesmas que fai catro anos: tamén repiten como alcaldables Fernando Pérez polo PP, e Manuel Fariña polo BNG.

En Moraña a veciñanza decide esta noite se segue confiando no proxecto do PP, agora con Lito Gómez á fronte. Os socialistas aspiran a recuperar a alcaldía, apostando por Xoel Souto. Este mozo é neto do histórico alcalde Xosé Eiras, que foi rexedor da vila durante 28 anos. Nesta vila Marcos Suárez repite como candidato do BNG.

En Catoira atopamos un escenario moi aberto, máis aínda despois do intenso mandato que deixan ás súas costas o socialista Alberto García, o popular Iván Caamaño e o nacionalista Xoán Castaño.

En Pontecesures, Juan Manuel Vidal quere a súa primeira maioría absoluta, pero non semella doado. Este mesmo resultado agardan repetilo o popular Bello Maneiro en Valga, e Ricardo Martínez, tamén do PP, en Portas. En Cuntis, o socialista Manuel Campos confía tamén en seguir gobernando en maioría.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí