Aparatoso accidente de dous camións na autovía

BOIRO> A autovía do Barbanza permaneceu esta mañá pechada ó tráfico durante varias horas en dirección a Ribeira a consecuencia dun aparatoso accidente entre dous camións.

A pesar da aparatosidade do accidente, no que se viron involucrados dous camións, un trailer de gran tamaño, e un camión do lixo pertencente ó concello de Padrón, que se dirixía á planta de Sogama no polígono de Espiñeira, no sinistro non houbo que lamentar vítimas de consideración. O condutor do trailer, resultou ferido leve, e puido saír polo seu propio pé do vehículo, sen necesidade de ser excarcerado, a pesar de que a cabina, debido á colisión, quedou feita un amasillo de ferros. Aínda así foi trasladado en ambulancia ó hospital da Barbanza. Ata o lugar do sinistro trasladáronse numerosos equipos de emerxencias, varias dotacións do parque de bombeiros de Boiro, Garda Civil de Tráfico e membros do Servizo Municipal de Emerxencias de Boiro, que estiveron traballando na retirada e limpeza da estrada. A consecuencia dos labores de retirada dos dous camións, para o que foi preciso trasladar varios guindastres de gran tonelaxe, a autovía permaneceu cortada durante varias horas, no tramo entre Taragoña e Vilariño, polo que os vehículos que circulaban por esta vía en dirección a Ribeira, tiveron que continuar o seu camiño pola vella estrada AC-305 ata que foi restablecida de novo a circulación. Redacción Barbanza {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/11/accidentecamionsautovia111013.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/11/accidentecamionsautovia111013.mp4{/flowplayer}