Sabotaxe a unha embarcación do Servizo de Gardacostas

PORTO DO SON> Unha embarcación do servizo de Gardacostas, dependente da consellería do Medio Rural e do Mar, apareceu esta madrugada na praia de Siabo, na parroquia outense do Freixo. A embarcación, pertencente á unidade operativa de Portosín, e foi retirada do seu lugar de amarre e saboteada. A lancha foi atopada por un vixilante da confraría de pescadores de Noia, que deu aviso á Sala de Operacións de Gardacostas. Axentes de Gardacostas desprazáronse ata o lugar e comprobaron que a embarcación tiña os cabos de amarre cortados e que a intentaran incendiar, xa que ademais de atopar no seu interior un recipiente de gasolina, a embarcación presentaba marcas de queimado. Ó longo desta mañá o Servizo de Gardacostas, que descoñece a autoría dos feitos, tiña previsto presentar a correspondente denuncia no posto da Garda Civil de Outes. Dende a Xunta lamentan e condenan este tipo de actuacións vandálicas e intencionadas que entorpecen e dificultan o traballo de loita contra o furtivismo.