BOIRO> O accidente tiña lugar ó redor das sete e media da mañá, no quilómetro 26 da autovía á altura do lugar de Lampón, no concello de Boiro, en ambos carrís de circulación, tanto no sentido Ribeira como tamén en dirección Padrón.
Os dous accidentes estaban relacionados, e un foi consecuencia do outro.
O primeiro deles producíase debido a unha colisión por alcance, entre un turismo e un camión que viaxaban en dirección Padrón.
A consecuencia do golpe, este último vehículo colidiu contra a mediana que separa os dous carrís, e acabou envorcando na estrada.
O choque contra a mediana fixo que saíran desprendidos varios cascotes de cemento que quedaron esparexidos na outra marxe da autovía. E
sta circunstancia provocou outro accidente entre varios turismos que circulaban en dirección Ribeira ó intentar esquivar as pedras.
Por fortuna non houbo feridos de consideración. Aínda que dous deles, os ocupantes do camión, tanto o condutor coma o seu acompañante, foron derivados ó hospital da Barbanza para a súa observación, debido a que presentaban varias contusións.
Ademais do persoal sanitario do 061, ata o lugar tamén se desprazaron membros do equipo de emerxencias municipal de Boiro e Policía Local, Garda Civil e Tráfico, así como persoal de mantemento da propia autovía, que se encargaron, unha vez retirados tódolos vehículos, da limpeza da vía.