RIBADUMIA> Rachan as catro rodas dun dos vehículos de Protección Civil de Ribadumia. Os voluntarios atopáronse con este estrago cando ían facer un servizo. Non entenden quen puido facer algo así nin por que motivo. Din que en 27 anos nunca tal lles pasara. O cambio das rodas vai custarlles 700 euros, unha cantidade que esta agrupación apenas pode asumir. Piden axuda ao concello para facerlle fronte a este gasto.
Os voluntarios de Protección Civil de Ribadumia non saen do seu asombro. Un dos seus tres vehículos apareceu coas catro rodas rachadas.
Na agrupación recoñecen que nunca lles ocorrera algo así.
O coche estaba aparcado ao pé da base, como de costume. Os veciños da contorna indican que non viron nada.
O certo é que non saben quen puido facer algo asi nin por que motivo. Din que todos na agrupación se levan ben cos veciños, salientando o traballo que fan para a comunidade. non descantan que sexan os mesmos autores que os das pintadas que apareceron hai uns días no colexio Julia Becerra Malvar de Ribadumia.
O cambio das rodas vailles custar uns 700 euros, unha cantidade da que non dispoñen, polo que piden axuda ao concello. Din que é moi urxente solucionar o problema porque están a piques de celebrarse as cabalgatas tanto en Ribadumia como en Xil, en Meaño, onde Protección Civil de Ribadumia tamén colabora.
Tamén nas últimas horas presentaron unha denuncia. Piden aos veciños que se teñen algún indicio de quen pode estar detrás destes feitos, que se poñan en contacto con eles.











