A marea vermella comeza a remitir nalgúns polígonos

    VILAGARCIA> O sector mexilloeiro non rexistra aínda perdas nin pedirá indemnización algunha á Consellería do Mar por mor da incidencia da actual marea vermella. Afirmábao a Comisión do Mexillón logo dunha xuntanza na que si pediron outras medidas por si se prolongase este episodio; ó igual que fixeron o sector da depuración, o comercializador e a Asociación Galega de Cocedoiros, en cadansúa reunión celebrada hoxe con altos cargos desta carteira autonómica. Altos cargos da Consellería do Medio Rural e do Mar reuníronse hoxe con distintos axentes implicados na producción e venda do mexillón en Galicia por mor da incidencia da marea vermella. A primeira delas tiña lugar co sector da depuración e da comercialización na que os profesionais amosaron a súa preocupación pola repercusión deste episodio, que xa os está a deixar sen carga de traballo. Entre outras medidas pediron ós representantes da Xunta un centro de predicción destas incidencias e mais celeridade nas mostraxes sobre o terreo. Á mediodía era a propia Conselleira a que se reunía ca Comisión do Mexillón onde lle aseguraron que polo de agora o sector productor non tiña perdas porque aínda non se constatou mortaldade algunha do producto. E é que tralo pesimismo inicial, estes mexilloeiros en particular gañan en optimismo conforme evoluciona a incidencia destas toxinas lipofílicas. Entre as medidas acordadas nesta reunión salienta a posibilidade de aumentar o número de cordas permitidas por batea para o desdobre, naquelas zonas onde se prolongue este peche. Falaron tamén doutros aspectos que lles preocupan como a de axilizar a obtención do resultado das mostraxes; aínda que desde a Administración lles aseguraron de que non era tecnicamente posible por mor do método imposto pola Unión Europea. Preguntados por se este episodio podería ser unha escusa para a entrada de máis producto foráneo; os bateeiros aproveitaron para volver a reclamar que as esixencias sanitarias foran as mesmas que para o mexillón autóctono. A día de hoxe a marea vermella parece estabilizada e mesmo está a remitir nalgún punto. Proba diso é a apertura dalgunha zona extractiva nas últimas horas. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/16/mar.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/16/INTECMAR_REUNIONS_MEXILLOEIROS.mp4{/flowplayer}