Vilanova prepárase para un Momo de récord con máis de 1500 persoas no desfile

VILANOVA> Vilanova agarda a participación de máis de 1500 persoas no seu desfile do Momo. A vila presentou a súa gran festa do entroido que terá lugar o vindeiro domingo a partir das 5 da tarde. O Momo deste ano estará apadriñado polos cómicos David Amor e Isi.

Vilanova xa ten todo listo para celebrar a súa gran festa do entroido, o Momo. Iso si, como é habitual, as sorpresas resérvanse para o último día. Os que queiran descubrir a quen se dedicará o Momo este ano, deberán acudir o vindeiro domingo a partir das 17 da tarde a gozar da festa de Vilanova.

A previsión do concello é que participen preto de 30 comparsas no desfile, o que suporía máis de 1500 persoas. Esas son as previsións do concello e da policía local, certo é que os organizadores, co humor que lles caracteriza, creen que estas cifras serán superadas de forma moi elevada.

O Momo este ano estará apadriñado polos cómicos David Amor e Isi. Ambos humoristas invitan á veciñanza a achegarse a esta festa.

Unha vez rematado o desfile, prenderase o Momo e terá lugar unha tirada de fogos de artificios. A festa rematarase con música a cargo da discoteca móbil CDC.