‘Se non fora polo PP, Galicia quedaría orfa’

SANTIAGO> O debate sobre o estado da autonomía concluíu hoxe coa votación das duascentas iniciativas presentadas polos grupos parlamentarios. Só dúas foron aprobadas pola totalidade dos deputados da cámara, unha proposta do BNG sobre as preferentes e outra sobre os problemas da flota pesqueira en Mauritania. Partido socialista e Popular non lograron poñerse de acordo en ningunha das iniciativas nunha sesión final marcada polas críticas da oposición ás políticas da Xunta, as que cualificaron como criminais e inxustas.

Sesión final do debate sobre o estado da autonomía e despois de tres xornadas, a cita remata como comezou: con acusacións cruzadas de falta de entendemento que atribúen, no caso do partido no goberno, á ‘intransixencia’ da oposición, e ás ‘políticas criminalizadoras’ e ‘inxustas’ da Xunta segundo PSdG, Alternativa e BNG. Das 200 iniciativas coas que os grupos parlamentarios acudiron a este debate, a metade, 53, saíron adiante. Só dúas se adoptaron por unanimidade da Cámara, unha proposta do BNG sobre as preferentes e outra sobre os problemas da flota pesqueira en Mauritania. Das presentadas polo Partido Socialista, ningunha foi arriba. O viceportavoz do PP, Román Rodríguez, lamentou que non se chegara a acordo cos socialistas, a pesar de que o seu modelo ‘social e económico’ é máis semellante ó dos populares, e ironizou alegando que a volta do PSdG de José Ramón Gómez Besteiro, sucesor de Pachi Vázquez, supuxo a volta dun partido socialista incapaz de acordar cuestións importantes. O viceportavoz do PSdG respondeu rebatendo contra a actitude amosada estes días polo presidente da Xunta, un Alberto Núñez Feijoo, dixo Abel Losada, convertido no último Robinson Crusoe’ na defensa do déficit cero, cando é falso que non haxa ‘alternativa’ ás súas políticas de recortes. Na mesma liña se pronunciaron desde Altenativa. Yolanda Díaz acusou ó titular da Xunta de aplicar políticas criminais e demandou ós populares que apoiaran as propostas vencelladas á erradicación da pobreza en Galicia, que retirase o decreto dos comedores escolares e reclamou unha renda básica universal. Onde non contaron co respaldo do grupo de goberno foi na proposta para solucionar os problemas do sector pesqueiro en Galicia. Pedían, entre outras demandas, a convocatoria inmediata de eleccións nas contracías, políticas que primen a pesca tradicional, e máis saneamento das rías coa eliminación de instalacións como o parque de hidrocarburos de Ferrazo, en Vilagarcía, ou ENCE, en Pontevedra. O BNG pola súa banda acusou a Feijoo de encarnar a versión moderna de Atila, propugnando políticas ‘cruentas, inxustas e inútiles’. Para o viceportavoz do PPdG, de non ser por eles, ‘Galicia quedaría orfa’ e non sería quen de iniciar a senda do crecemento apuntada o mércores polo presidente autonómico.