A consellería do Mar autoriza cen cordas máis por batea

    BOIRO> A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, anunciou esta medida para evitar maiores perdas para o sector bateeiro por mor da marea vermella. O sector bateeiro e marisqueiro vive con resignación este episodio da marea vermella que dende o pasado 9 de outubro os deixou case sen actividade en toda a ría de Arousa e Muros-Noia. Lonxe de solucionarse, a situación parece agravarse co paso dos días e os controis efectuados polo Intecmar evidencian niveis de toxicidade superiores ós permitidos, de aí os peches establecidos en practicamente todo o territorio galego, agás na Ría de Vigo, onde permanecen abertos aínda varios polígonos de bateas. A conselleria do Mar, Rosa Quintana, referiuse a este feito, considerando que nos atopamos cun episodio moi virulento de difícil predición da súa evolución. Dende a Xunta, en diálogo constante co sector, estanse a estudar alternativas, que dalgunha maneira paliaran as graves perdas económicas que a toxina está a causar. Así a titular de Mar referiuse á autorización de máis cordas por batea para que os produtores poidan facer desdobres e intentar salvar parte da colleita. Máis complicado estaría a posibilidade de establecer, dende a Xunta, unha liña de axudas económicas que serviran para paliar os efectos da marea vermella. O que si podería haber son facilidades para moitos produtores que quixeran acceder a liñas de crédito. A conselleira do Medio Rural e do Mar facía estas declaracións durante a visita realizada hoxe as instalacións dos estaleiros Triñanes, en Boiro. Alí destacou a colaboración da Xunta coa Asociación Galega de Carpintería de Ribeira, entidade á que pertencen estes estaleiros, que traballa actualmente na elaboración do Plan Estratéxico da Carpintería de Ribeira para impulsar e manter viva a construción naval tradicional en madeira. Na visita tamén estiveron acompañando á titular de Mar, a delegada da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, así como a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/23/conselleiramarcordasbateas231013.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/23/conselleiramarcordasbateas231013.mp4{/flowplayer}