BOIRO > O concello de Boiro continúa co proceso xudicial aberto hai dous anos e medio coa empresa Necso pola débeda contraída na modificación do proxecto de construción da casa consistorial. Tralas diversas peticións do executivo, a Xunta de Galicia estuda o modo de financiamento deste pago pendente que ascende a máis dun millón douscentos mil euros.
O executivo boirés está cada vez máis preto de resolver o proceso xudicial que vén mantendo coa empresa Necso, encargada da construción da casa consistorial. Actualmente atópanse abertos dous contenciosos; un por parte da empresa que lle reclama ó concello o pago das contías que aínda non foron aboadas e outro por parte do executivo municipal que sostén o incumprimento dos prazos de entrega por parte da empresa construtora.
Neste sentido, o goberno municipal entende que a empresa ten dereito a cobra-lo pago polos traballos realizados que, daquela, ían ser financiados polo anterior goberno da Xunta de Galicia. Segundo o alcalde boirés, Xosé Deira, existía un compromiso verbal para facerse cargo da modificación do proxecto orixinal por parte da anterior Consellería de Política Territorial. Sen embargo, os representantes autonómicos negáronse a realizar o pago por non existir ningún documento acreditativo do financiamento da obra.
Ante as demandas formuladas dende o concello, a Xunta de Galicia está a estudar a forma de facerse cargo desta contía que sería asumida conxuntamente polas Consellerías de Política Territorial, Xustiza e Industria.
Redacción Barbanza