Boiro Novo presenta varias propostas para mellorar a celebración das festas

    BOIRO> Piden a realización dunha serie de cambios que permitan a instalación ordenada dos postos ambulantes, para así non entorpecer a importante actividade comercial. Atendendo a unha vella demanda, especialmente do sector comercial, debido ós problemas que nos últimos anos está a causar a celebración das festas do verán, pola instalación indiscriminada de postos ambulantes, moitos dos cales mesmo chegan a taponar os escaparates e a propia entrada ós negocios, Boiro Novo vén de presentarlle unha serie de propostas ó equipo de goberno para que as teña en conta e as leve a cabo de cara a un mellor desenvolvemento dos festexos. Unha delas sería precisamente o seguemento da colocación destes postos para que se realizara de xeito ordenado, sen prexudicar a comerciantes e veciños en xeral. Outro dos problemas ós que aluden os membros de Boiro Novo e a falla de zonas de aparcamento. Por esta razón unha das súas propostas pasa pola apertura, aínda que fora de xeito puntual nestas datas, do aparcamento da Boqueira de Anegral que está a ser empregado actualmente como almacén e centro de traballo das brigadas de obras. Segundo Boiro Novo todas estas medidas xa lle foron comunicadas en reiteradas ocasións ó executivo pola propia patronal local sen que polo de agora foran atendidas.